Tuesday 19 de March de 2024

O concello mellora a sinalización viaria nos tres núcleos urbanos


O investimento alcanza os 20.000 euros a financiar integramente con fondos municipais.

O Concello está a desenvolver a primeira fase dun amplo proxecto de mellora da sinalización viaria e, por tanto, da seguridade para peóns e vehículos, que afecta ás estradas municipais dos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión.

O primeiro punto de intervención está a ser Paiosaco, centrándose os traballos nun sector do recinto feiral e nas vías de acceso desde a estrada AC-552. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, mantiveron unha xuntanza sobre o terreo cos operarios co propósito de coñecer o resultado das primeiras actuacións.

Ditos traballos inclúen a renovación da pintura das marcas viarias, dos pasos para peóns e da sinalización horizontal, facendo especial fincapé nos puntos de intersección entre dúas rúas. A finalidade é reforzar a seguridade viaria ao facilitarse para peóns e vehículos a percepción dos indicadores.
Trala intervención en Paiosaco, ao longo dos próximos días actuacións de similares características serán realizadas en puntos da rede viaria municipal da Laracha e de Caión. En posteriores fases este proxecto tamén chegará a estradas situadas en zonas rurais.

Nesta fase inicial do proxecto o Concello inviste 20.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais.